Visitas ao blog

11 nov 2022

CELEBRAMOS O MAGOSTO

 Na soleada mañá do xoves, 10 de novembro, fixemos o tradicional Magosto do noso colexio.  

Preparamos cancións e bailes para amenizar a celebración e despois degustamos as castañas asadas.

Pasámolo moi ben!



3 nov 2022

TRABALLOS DO OUTONO

Estamos no outono e o  colexio énchese de traballos relacionados con esta estación tan  fermosa  polas súas  cores e celebracións.

Fixemos:

-Mural colectivo das aulas de Primaria con acrósticos do  alumnado de 6º.

-Refráns do outono, alumnado de  5º Infantil.

-Canción "OUTONO",  poema de Xoán Neira, cantada polos nenos  do colexio

-Exposición de cucuruchos realizados con materiais de refugallo para o magosto

Presentamos os nosos traballos a través dos  seguintes vídeos



 




28 oct 2022

CELEBRAMOS O SAMAÍN 2022

Durante a mañá do venres, 28 de outubro, poidemos  participar das actividades que preparamos durante a semana para esta celebración:

  • Exposicións: 

-Libros de medo no expositor da  biblioteca

-Casas terroríficas, do alumnado de  5º de primaria

-Mural sobre  a  orixe do Samaín, do alumnado de 3º e 4º de primaria

  • Actividades na Biblioteca:

-Entrada á biblio polo "túnel do medo"

-Conto  "A bruxa regañadentes",  contado por Daniel Hermida Otero

-Canción  "Winnie the witch and  Wilbur the cat", preparada na aula de inglés polo alumnado de 1ºe 2º de primaria

-Presentacións sobre o Samaín realizadas polo alumnado de 6º de primaria

-Lectura de lendas de creación propia do alumnado de 5º de primaria

  • Entrega do  díptico elaborado a través do programa

EDU-SAÚDE

VÍDEOS DAS ACTIVIDADES






 

18 oct 2022

UNIDADE DIDÁCTICA MAGOSTO 2022,

 Presentamos unha UNIDADE DIDÁCTICA realizada por diferenteS centros de ensino públicos con actividades dirixidas ao alumnado de primaria sobre esta festa tradicional galega.


EXPOSICIÓN DE LIBROS DO OUTONO



10 dic 2021

TRABALLOS DO OUTONO

Cando o outono fai a súa aparición con el adoitan chegar as primeiras choivas, os ventos e as temperaturas máis frías.

É entón cando comezan a resultarnos irresistibles os pratos de alimentos propios desta época (cabaza, cogomelos, etc...) ademais dos pratos de culler ben quentiños.
Por isto e para dar a coñecer os alimentos propios desta estación, os nosos nenos/as pasaron a ser cociñeiros/as e elaboraron as súas receitas do outono, que recopilamos nun libro que quedará exposto na nosa biblioteca.
No seguinte vídeo, podedes ver: unha pequena mostra destas receitas tan apetitosas (pero temos moitísimas mais) e os murais tan bonitos que elaboraron, acompañados pola canción do "Outono" do poema de Xóan Neira, interpretada tamén polos nenos/as do noso cole.
 

 

12 nov 2021

CELEBRAMOS O MAGOSTO

 Na mañá do 11 de novembro, DÍA DE SAN MARTIÑO, celebramos o xa tradicional MAGOSTO que por estas datas adoitamos facer no noso colexio. Foi un día estupendo e pasámolo moi ben!!!

  •  Participamos no circuito de xogos que nos preparou a profesora  de Educación Física, Mª José.
  •  O alumnado de 6º curso de Primaria, xunto coa súa titora Susana, preparou unha coreografía.
  • Tamén nos acompañaron dous gaiteiros, o profesor de 5º, José Antonio e o pai e Antón, David.    
  •  Eles foron, coa súa música, os encargados de amenizar a degustación das castañas asadas, que aínda que estaban un pouquiño duras o sabor era moi bo. Grazas ás familias pola súa aportación.

No seguinte video,  podedes ver unha pequena mostra  das actividades do día.


 

 No seguinte enlace, tedes a coreografía do alumnado de 6º Ed. Primaria.

PREME AQUI

Esperamos que vos guste!

29 oct 2021

Celebramos o SAMAÍN

Despois da festa do Día Das Bibliotecas, estivemos preparando a chegada do Samaín.... Na aula de música repasamos as cancións sobre esta celebración e, tódalas aulas, participaron na ambientación dos corredores e da nosa Biblioteca, con moitas manualidades que elaboraron os nenos e nenas.

No seguinte vídeo poderedes ver como está o colexio cheo de pantasmas, esqueletos, cabazas, arañas.... e moitas moitas meigas, ademáis temos un castelo xigante no que mañá nos faremos moitas fotos.


Tamén, desde a Biblioteca, elaboramos unha pequena guía sobre as recomendacións lectoras para que poidades gozar lendo e tremer moito... que é do que se trata nesta data tan especial.                       Premede na imaxe


E como colofón final, o venres, 29 de outubro, fumos disfrazados ao cole e tivemos sesións de contacontos.

Foi un día moi especial!

 

 

 

No seguinte vídeo podemos ver un resumo desta gran celebración.


24 oct 2021

CANCIÓN PARA O SAMAÍN

 Para celebrar o Samaín aprenderemos esta canción de Jesús Pareja e cantado polo alumnado de 5º de Primaria.

PREME NA IMAXE


 


Traballos sobre o Magosto e o Samaín

Deixamos nesta entrada material didáctico, elaborado por diferentes centros de ensino galegos e dirixido aos Equipos de Dinamización e o profesorado dos centro, para a celebración do magosto e o Samaín nas nosas aulas. 

Este material é o seguinte:

Unidade Didáctica sobre o Magosto



Samaín, genially con actividades sobre o texto "O noso Samaín", de Loretta Birott, para o alumnado de Ed. Primaria.

10 nov 2020

Un curso sen MAGOSTO

BREVE HISTORIA (Galipedia)
O magosto realizábase tradicionalmente o 1º de novembro, Día de Tódolos Santos, se ben na provincia de Ourense, por maduraren máis tarde as castañas, atrasouse ata o día 11, san Martiño. 
Na actualidade celébrase en calquera data comprendida entre a segunda quincena de outubro e a primeira de novembro, converténdose na festa do outono por excelencia, e incorpóranse diversos alimentos, coma chourizos e outros produtos elaborados nas matanzas do porco coincidentes con estas datas. Tampouco adoitan faltar as sardiñas asadas. 
O magosto celebrábase tradicionalmente nun claro do mesmo souto, comezando a primeira hora da tarde coa recollida de leña e castañas. Facíase unha ou varias fogueiras con paus e frouma para conseguir brasas dabondo para asar as castañas; outras veces era na eira ou nun rueiro amplo, cos vellos na cociña da casa e os mozos na rúa. Era costume que as mozas trouxeran as castañas e os mozos o viño; noutros casos os mozos achegaban todo e as mozas ían convidadas. Aínda que había que picar (ou sinalar) as castañas antes de botalas nas brasas, non faltaba quen botaba algunha enteira, para que estoupase na cara de quen as andaba a remexer, cousa que os participantes celebraban lanzando aturuxos. Por fin, no remate da festa, os máis rapaces xogaban a tisnarse coas mans cheas de feluxe mentres que mozos e adultos cantaban e bailaban, nalgúns casos saltando sobre os restos da fogueira.
 
Este curso non imos a ter o noso particular MAGOSTO, por motivo da COVID-19, pero no seguinte enlace podemos ver vídeos e actividades que realizamos en anos anteriores.
 

31 oct 2020

CONTOS PARA O SAMAÍN 2020

 


Na Bibliosoños temos unha colección de contos que leva por título: O baúl dos MONSTROS da editorial Baía Edicións.
E como  hoxe é O SAMAÍN, as profesoras Rita Lamas e Lorena Rivas quixeron contarlle a Rufo e tamén a tod@s vós o conto O Esqueleto.

 


25 oct 2020

MURAL DO OUTONO no recuncho expositor

 O alumnado de 1º e 2º curso de Primaria foron os encargados de realizar o mural do OUTONO e que teremos exposto no recuncho expositor.




No seguinte vídeo podemos escoitar ao alumnado de 1º curso recitar uns poemas sobre o outono, (a partir do minuto 2:24)



18 nov 2019

RADIO NA BIBLIO

Con motivo do Magosto o alumnado de 6º curso realizou un programa especial dedicado a esta festa tan tradicional no noso colexio.

13 nov 2019

E agora O MAGOSTO!!!

 


No mes de novembro sempre celebramos a nosa Festa do Magosto

Estaba programada para o luns 11, DÍA DO SAN MARTIÑO, pero como deron mal tempo para toda a semana, decidimos celebrala hoxe no pavillón polideportivo do colexio facendo os xa tradicionais xogos e comendo castañas.
No primeiro turno participaron nos xogos todo o alumnado de Primaria, despois degustamos todos xuntos as ricas castañas asadas e por último foi o turno dos xogos para o alumnado de Infantil.

Fixemos unha pequena reportaxe fotográfica da Festa que queda recollida no seguinte vídeo:


31 oct 2019

CHEGOU O SAMAÍN 2019

E chegou o SAMAÍN!!!


Contacontos na Bibliosoños para o alumnado de Infantil 
a cargo das nais de Alex e Sara
de 6º de Infantil,
da mestra Cristina e 
do mestre Dani


15 nov 2018

MAGOSTO no colexio

Neste precioso día de outono fixemos o xa tradicional MAGOSTO no noso colexio.
As nenas e nenos trouxeron un montón de castañas que Antonio e Lorenzo asaron con moito esmero e logo degustamos todos xuntos.
Logo de comer e beber fixemos 9 grupos  (con nenas e nenos de diferentes cursos) para xogar  ao Relevo de Castañas, Petanca, Castagolf, Castaña Cega, Mariola, Comecastañas, Pescacastañas, Castaña Dance e Laberinto.


NO SEGUINTE VÍDEO PODEMOS VER UN RESUMO DA FESTA

8 nov 2018

Exposicións dos REFRÁNS DE OUTONO


Rematado o prazo para traer os traballos da procura de REFRÁNS DO OUTONO, que convocou o Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) e maila Biblioteca Escolar, agora toca ver a exposicións dos mesmos.
Temos que felicitar ás nenas e nenos que participaron pois fixeronno moi ben!




1 nov 2018

Celebramos o Samaín

O alumnado de Infantil, 1º e 2º curso, para celebrar o Samaín, fixeron moitos traballos nas aulas e tamén en colaboración coas familias.
No seguinte vídeo podemos ver os mesmos e tamén a sesión de contos na biblioteca e a festa no ximnasio do alumnado de Infantil.

23 oct 2018

VÍDEOS CONMEMORATIVOS

Para conmemorar o Día da Biblioteca Escolar elaboramos uns vídeos que combinan poesía, música e linguaxes diversas (debuxo, linguaxe con pictogramas, linguaxe de signos).

4º curso, POEMA: OUTONO de Xoán Neira
5º curso, POEMA: O MAGOSTO de Xoán Neira
6º curso, POEMA: O RATO DE BIBLIOTECA de Xoán Neira.


4 oct 2018

Un poema para o OUTONO



PROPOSTA DA BIBLIOSOÑOS
·    Buscar ou crear un POEMA relacionado coa estación do outono, en galego.

·    Escribilo e decoralo en medio folio sentido vertical. Pola parte traseira escribiremos o nome, apelidos e curso.
·    Entregarllo á vosa titora ou titor antes do mércores 17 de outubro.
·    Exporase no recuncho das exposicións.
·    Os participantes recibirán un agasallo da Biblioteca.

15 nov 2017

Celebramos o MAGOSTO

Despois de ter que aplazar a celebración do noso magosto por mor do mal tempo, o martes, 14 de novembro, despois do recreo, poidemos disfrutar desta festa tan arraigada no noso colexio.
Comezamos facendo un circuito de estacións de xogos, coordinados pola mestra de Educación Física, Eva Martínez:
  • Relevo de castañas
  • Petanca
  • Castañagolf
  • Culleradas de castañas
  • Castaña cega
  • Mariola
  • Comecastañas
  • Pescacastañas
  • Castaña Dance
  • Laberinto
O alumnado agrupouse en 10 equipos de 16 nenos e nenas cada un, de todas as idades e cursos. Os maiores axudaron aos máis pequenos e pequenas e pasaron unha xornada moi divertida e de moita cooperación entre eles.

Despois tivemos o degustación das castañas asadas como todos os anos polo noso conserxe Enrique e coa colaboración especial de exprofesor do centro, Antonio Ferreiro. 
Moitas grazas polo seu traballo ben feito!
 

1 nov 2017

Unha torta de Samaín

Para ver esta presentación primeiro agranda o Genially, despois pasa o rato por riba dos iconos e dos números.

31 oct 2017

Que ben o pasamos no SAMAÍN!

Que ben o pasamos hoxe celebrando o SAMAÍN!
Todos os nenos e nenas de Infantil, xunto coas nosas mestras, celebramos esta festa tan especial:
  • Disfrazámonos terrorificamente!

  • Escoitamos "CONTOS DE MEDO", contados polas mestras Cristina Freán e Rita Lamas
    • Que medo, Mamá Raquel!
    • Cocorico
    • ¡Te aseguro que los monstruos no existen!
  • Despois do recreo tivemos sesión de baile e xogos no ximnasio


Preparando o SAMAÍN en Infantil


Na mañá do martes, 31 de outubro, todo o alumnado de Infantil  celebrará o Samaín con moitas actividades:
  • Sesión de photocall diante do castelo cos nosos disfraces terroríficos.
  • Na biblioteca haberá sesión de "contacontos de medo" a cargo das súas mestras.
  • Despois do recreo, no ximnasio, terán sesión de xogos e bailes.


25 oct 2017

Preparando o SAMAÍN

Samaín, palabra gaélica, non significa máis que fin do verán, principio do inverno. Na antiga cultura céltica o tempo de Samaín, especialmente a noite do 31 de outubro ao 1 e novembro, era o período máis importante do ano. Eran datas claves para reunirse nos camposantos, comer o ritual e comunal porco de samaín e concelebrar as farradas festeiras dos guerreiros. Era a noite máis perigosa do ano: as portas do outromundo abríanse nesas horas e as ánimas eran quen de vir visitar este mundo e aos seus moradores: tantas veces para render contas inacabadas.
Para afastar dos seus castros as perigosas ánimas defuntas e errantes adoitaban poñer no alto das muradas, ou encastradas nas paredes, as caveiras iluminadas dos inimigos mortos en campaña. De aquí, dos ritos e crenzas célticas ao redor da caveira, vén a tradición europea de facer caliveras na cortiza dos melóns, ou cabazos, ou calabazotes. Tradición que, grazas ás investigacións do profesor galego Lopez Loureiro, sabemos que se estende por toda a antiga xeografía céltica europea e concretamente para o caso de España, por todas as zonas con presencia do elemento céltico ben documentado. En Galiza atopámola en toda a súa xeografía, non faltando esta tradición en ningunha das súas bisbarras e aportando un folclore similar aínda que dándolles nomes diferentes: calacús polas Rías Baixas, caveiras de melón en Cedeira, calabazotes en Ortigueira, colondros en Ourense...etc. 
Información obtida a través de VIEIROS DA ESCOLA



9 oct 2017

Exposición de refráns, ditos e cantigas do outono

Xa temos expostos os refráns, ditos e cantigas sobre o outono.
A proposta saiu da Bibliosoños e foron moitos os nenos e nenas que participaron con traballos moi elaborados e orixinais. Naraboa a todos os participantes!. 
O día da Biblioteca, 24 de outubro, faremos un sorteo entre todos e recibirán un agasallo.


1 oct 2017

Pequena exposición de libros e procura de refráns relacionados co outono

No recuncho das exposición temos libros sobre o outono para que os podades ollar.
Tamén vos convocamos a que participedes na procura de refráns, ditos ou cantigas sobre o outono
ou cousas relacionadas co mesmo. 
Tede que facer:
  • Escribilo e decoralo nun  cuarto de folio. 
  • Pola parte traseira escribiremos o nome, apelidos e curso.
  • Entregarllo á vosa titora ou titor antes do venres, 6 de outubro. 
  •  Exporase no recuncho das exposicións.
  • Os participantes entrarán no sorteo dun agasallo da biblioteca.


·   

13 nov 2016

FESTA DO MAGOSTO!

O venres, 11 de novembro, Día de San MARTIÑO, fixemos un GRAN MAGOSTO no colexio.
Houbo moito canto e baile!!!,  pero sobre todo houbo unhas ricas castañas asadas.
Foron feitas, ao calor do lume, por Antonio e Enrique. Son moi bos "asadores", por iso o MAGOSTO do noso colexio é o mellor de tódolos magostos.


11 nov 2016

A castaña que estoupou coa risa

Para celebrar que estamos no tempo o outono os nenos e nenas de 2º curso fixeron un excelente traballo  como escritores e ilustradores, despois gravaron o conto e o resultado final é este vídeo que vos deixamos nesta entrada.

3 nov 2016

Pronto celebraremos o magosto no colexio


A palabra magosto designa unha celebración festiva e popular, tradicional en toda Galicia, organizada en torno á recollida das castañas. Aprovéitase tamén para probar o primeiro viño novo.



O magosto realizábase tradicionalmente o 1º de novembro, día de Tódolos Santos, se ben en Ourense, por maduraren máis tarde as castañas, atrasouse ata o día 11, San Martiño. Na actualidade celébrase en calquera data comprendida entre a segunda quincena de outubro e a primeira de novembro, converténdose na festa do outono por excelencia, e incorpóranse diversos alimentos, coma chourizos e outros produtos elaborados nas matanzas do porco coincidentes con estas datas. Tampouco adoitan faltar as sardiñas asadas.
No colexio xa estamos preparando moitas actividades: cancións, bailes, xogos... para facer e disfrutar dun bo magosto!!!

30 oct 2016

FESTA DO SAMAÍN

O venres, 28 de outubro, celebramos o Samaín no noso colexio. 
Durante a semana fixemos actividades que nos axudaron a coñecer e aprender en que consiste esta celebración:
  • fixemos fichas para facer pequenos libros
  • debuxamos e escribimos contos
  • decoramos as portas e corredores
  • elaboraron un gran castelo que enchemos de figuras monstruosas que trouxemos das nosas casas e elaboradas con materiais de refugallo coa axuda de papá e mamá
  • tivemos sesión "de contos de medo" na Biblioteca coas das mestras Karen, Cristina e Angélica que nos contaron  3 contos: "A casa da miña avoa", "Onde viven os monstros" e "Carabuñas"
  • rematamos o día xogando e bailando no ximnasio

24 oct 2016

Libros para o Samaín

Entramos na semana das celebracións do Día da Biblioteca, o luns 24  e O Samaín, o venres 29 de outubro.
No recuncho das exposición de libros temos unha boa colección de libros que vos animarán o Samaín.



22 oct 2016

Murais dos nenos e nenas de infantil

Os nenos e nenas de 5º de  infantil, xunto coa súa mestra Ana, fixeron un gran mural do outono e quedoulles así de bonito.


Outro mural sobre o outono, nesta ocasión é o da aula de 6º de Infantil. Está feito coas follas das árbores do noso cole e que recolleron na saída da semana pasada.



17 oct 2016

Degustación de froitos do outono

As froitas conteñen moitas propiedades nutritivas (vitaminas, minerais, fibra, etc.) que axudan a manter e coidar a nosa saúde. É un dos primeiros alimentos sólidos que se lles dá aos bebés e o seu consumo diario é fundamental para o seu crecemento.
Ás veces, os nenos móstranse remisos a comer froita, ou polo menos certos tipos delas que lles resultan menos agradables e máis difíciles para comer. Con todo, é esencial que consuman todo tipo de froitas, xa que cada unha achega diferentes propiedades.
Na aula de 5 anos probamos a piña e tamén froitos secos como as noces, abelás, améndoas e cacahuetes.

12 oct 2016

O medio ambiente do noso colexio no outono

O martes, 11 de outubro, os nenos e nenas de 6º de infantil, xunto coa súa mestra Maricarmen, saíron da aula para facer unha clase moi especial.
Percorreron todo o entorno do colexio onde temos unha gran variedade de árbores.
Primeiramente recoñeceron o  nome de cada únha e o do seu froito; recolleron follas e froitos caídos e por último na aula puxeron as follas a secar para dentro duns días facer un gran mural do outono.


22 sept 2016

Exposición libros do outono

Comezamos coas exposicións de libros no recuncho situado exterior da biblioteca.
Como comeza o outono os libros fan referencia a esta estación.



11 nov 2015

Festa do Magosto 2015

Hoxe, día de San Martiño, e dinfrutando do bo tempo, fixemos o xa tradicional Magosto no noso colexio. Os nenos e nenas fixeron cucuruchos moi especiais, recolleron as castañas asadas por Enrique e Antonio, comeron e beberon, xogaron e pasáronno estupendamente.
No seguinte vídeo podemos ver momentos da festa.

29 oct 2015

O Samaín no noso colexio

Durante esta semana estivemos a traballar diferentes aspectos sobre o SAMAÍN.
O seguinte vídeo recolle algúns destes traballos.

1 oct 2015

Chegou o outono 2015

Coa chegada do outono no colexio aprendemos moitas cancións relacionadas con esta estación.
Podémolas atopar

11 nov 2014

No día de San Martiño celebramos o MAGOSTO

A palabra magosto designa unha celebración festiva e popular, tradicional en toda Galicia, organizada en torno á recollida das castañas. Aprovéitase tamén para probar o primeiro viño novo.
Celébrase en calquera data comprendida entre a segunda quincena de outubro e a primeira de novembro.

REFRÁNS:
  • As castañas do castiñeiro hainas que asar no asadeiro.
  • Castañas, noces e viño fan a ledicia de san Martiño.
  • Con castañas asadas e sardiñas salgadas non hai ruín viño.
  • Fíate nas castañas asadas, que se estoupan sairanche á cara.
  • Non hai ruín viño con castañas asadas e sardiñas salgadas.
  • Polo san Martiño, castañas e viño.
  • Por san Martiño faise o magosto con castañas asadas e mosto.
  • Por san Martiño faise o magosto con castañas asadas e viño ou mosto.
  • Se o mes de agosto vén claro, bo magosto e bo nabo; se vén nubrado, poucas castañas e nabos furados.

10 nov 2014

Cantamos e bailamos

No outono aprendemos moitas cancións que fan referencia ás castañas, ao magosto, aos castiñeiros...
 No seguinte vídeo podemos ver aos nenos e nenas de 6º de infantil cantando a canción 
"A CASTAÑA NO OURIZO""
Para escoitar e aprender estas cancións clicade na imaxe
https://sites.google.com/site/todasasestacionsdoano/outono-otono